jueves, 14 de enero de 2010

Isto non é unha película!!


Hai pouco, mais concretamente o mes pasado, decembro, tivemos no noso IES unha visita moi especial nos cursos de 2º ESO dentro da área de Educación para a cidadanía (aproveito a ocasión para dar grazas a Esther por ofrecernos esta experiencia). Como a visita foi moi interesante e nos gustou tanto pero soamentes o alumnado de 2º e algún de 1º puido aproveitarse da mesma, queremos achegárvola a todos aqueles/as que nos visitades.

Como vos dicía, tivemos unha visita especial, visitáronnos dúas persoas que hai un tempo se equivocaron na ruta que tiñan que coller na súa vida e que hoxe están vivindo as consecuencias das súas eleccións.


J. R e D. teñen 32 e 23 anos respectivamente e compartiron con nós a súa experiencia como internos dun cárcere galego. Viñeron acompañados de dous titores que lles están axudando a conseguir que teñan un futuro cheo de ilusión.

J.R e D. non ocultaron a súa identidade nin mostraron reparos en contar as súas vivencias e experiencias persoais, para axudarnos a que nós, que estamos nunha situación de liberdade, puideramos decidir continuar sendo libres e aprender dos seus erros. Eu non vou a desvelar a súa identidade, pero si que tentarei relatar todo o que nos contaron o mellor que poida. Que vos cheguen as súas experiencias sería o mellor dos agasallos tanto para nós como para eles, de vós depende!!!!.

A vida e as experiencias de J.R

J. R. leva dende o ano 98 no cárcere por dúas condenas. Dende moi novo comezou a fumar porros e coma todos/as os/as drogodependentes unha vez enganchado comezou a consumir todo tipo de sustancias (coca, ácidos, alcol, pílulas, tabaco), ó final unhas levaron a outras e calquer cousa valía para drogarse.
J.R. tiña unha boa posición económica, pero as cousa comezaron a cambiar porque todo o que tiña o gastaba en drogas e cando xa non tiña con que pagar o que consumía, comezou a realizar atracos. Así chegou ao cárcere e quedaron atrás os moitos amigos que tiña, as festas, a parella, unha filla que estaba por chegar ó mundo... Todo quedou atrás e soamente quedou el, a droga e o cárcere, unha difícil combinación.

A súa primeira condea foi de 7 anos, 7 anos moi duros. Chegou con 23 anos. Tivo que buscarse a vida, vivir situacións duras, sobrevivir... porque no cárcere non se separa á xente polos delitos que cometera, nin polo diñeiro, nin por os estudos que adquiriras, nin pola idade... Todos conviven ou iso é o que hai que intentar facer sexan e veñan de donde veñan (por certo o cárcere é unha torre de babel con persoas de todas as partes do mundo, de toda Galiza, de toda España).


Fixádevos se foi duro todo este tempo que xa o primeiro día acabou na celda de aillamento por pelexar cun interno e intentar defender o que era seu (un reloxio). E ise non foi o único día que estivo aillado porque J.R sentíase “ rebotado" co mundo, co cárcere e as pelexas e conflitos con outros internos ou cos funcionarios/as eran contínuos. Naquela época non era consciente de que collera un camiño que non levaba a nada bo.

Cando J.R cumpriu a súa condea e saiu do cárcere encontrouse que non sabía relacionarse coa xente. Contounos que isto foi así porque durante istes 7 anos (dos 23 aos 30, que etapa máis estupenda e que triste pasala no cárcere) non estudara e non completara os seus estudos, non sabía falar máis do que coñecía (o cárcere e as drogas), non tiña a eses amigos cos que facía grandes festas porque ou morreran polas drogas (sorte que J.R está san e non ten ningunha das enfermidades habituais nos drogodepedentes: VIH, hepatite, esquizofrenia...) ou estaban no cárcere ou simplemente desapareceran da súa vida e, tampoco tiña a súa parella, nin coñecía á filla que nacera cando el ingresara no cárcere.

Sen traballo, amigos e sen estudos, e sen resolver a sua adición é doado voltar de novo ó cárcere. E así foi. Volveu a caer na droga e de novo cometeu atracos para costeala.

Na seguinte condea e despois de todo o vivido, J.R cambiou o “chip” e deuse de conta de que por esa ruta que collera non tiña que volver a camiñar. Dende ese momento, fixo varios cambios: comezou a estudar, sacou o graduado e isto lle deu confianza nas súas posibilidades e nas súas capacidades, comezou o bacharelato ( agora mesmo está a cursar 2º de bacharelato) e ao mesmo tempo e como superou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos tamén é alumno de 1º de Psicoloxía, e por si isto fora pouco colabora titorizando a outros internos nas clases de novas tecnoloxías no cárcere e comparte co alumnado dos institutos a súa experiencia coas drogas e o cárcere.

Dentro de pouco, nuns meses, J.R. cumprirá a súa condena e sinte que a súa vida se está ordeando porque está mellor consigo mesmo, ten maior autoestima, leva dous anos rehabilitado das drogas (unicamente lle queda pendente o tabaco pero ten proxectado deixar de fumar) e ten uns estudos que lle permiten falar de moitas cousas, entender a vida doutra maneira e buscar traballo.
Parabens J.R!!, estás a pechar o derradeiro capítulo, agora xa estás preparado para escribir un novo libro, para vivir unha nova vida.


Demasiado pronto para entrar no cárcere

D. ten 23 anos e está no cárcere, a pesar de ser tan xoven, porque xunto con outros rapaces robaba coches simplemente para divertirse. Reflexión: Cantas veces se pensa que os menores non poden ter privación de liberdade (para iso están os centros de menores e casas tuteladas) e que os delincuentes fanse unicamente de adultos! Recordade que todo o que facemos conta para convertirnos no que seremos mais adiante.

Como xa nos dicía tamén o seu compañeiro, non foi doado chegar ao cárcere e que che digan “ agora relaciónate” porque no cárcere ademáis de rapaces que se equivocaron e se divertían roubando coches tamén hai persoas de todas as idades, todo tipo de delitos (asasinatos, violacións, terroristas...), ideas, caracteres...

Iste foi o primeiro dia que D. participa na experiencia de contar a rapaces/zas a súa experiencia. Hoxe o está a facer moi ben, o pasado non se borra pero agora está escribindo o seu futuro en positivo. Ánimo D.!!!!


Moitas grazas...


Por deixar as aulas en silencio cando os rapaces e rapazas escoitaban con moita atención e interese as vosas experiencias, por compartir cousas tan privadas, por decidir con sabiduría falar dos erros e da posibilidade de decidir camiños mais positivos... moitas grazas J.R e D.

Moitas grazas tamén aos titores, que nos transmitiron ilusión pola posibilidade de facer cambios nas vidas das persoas, por deixarnos ver como é o camiño ao cárcere e como son as instalacións por dentro, e por contarnos as impresións que ten unha persoa con liberdade cando entra no lugar no que os seus inquilinos/as están privados dela.


Grazas a todos!!!!

DESPOIS DE LER ISTAS EXPERIENCIAS REFORZAMENTES QUERE APORTARTE ISTAS REFLEXIÓNS E ALGÚNS ENLACES MOI INTERESANTES

Se dende que somos adolescentes comezamos a nosa loita pola identidade persoal, pola nosa liberdade e a nosa independencia, por que o vamos a estropear e imos a meternos no corpo sustancias que van a decidir por nós?

Eres libre e independente cando…:
-Queres deixar de fumar ...pero non podes?
-Qeres divertirte pero… necesitas un trago, unha raia…?
-Sofres un episodio psicótico e tes unha alucinación pola enfermidade mental que che produciu o consumo de algunha sustancia?
-…?


Quen decide?

Ti decides as primeiras veces, logo xa non, por iso non podes deixa-lo... Xa dependes; a túa vida, a túa saúde a deciden as sustancias que un día decidiches meter no teu corpo !!
E da túa dependencia, non o dubides, dependes ti e mais os que te rodean, porque sempre se perxudica a un e mais aos demais!!

Está claro, ti decides, pero ... decides ben ou mal?

Cando decidas, ten en conta que sempre hai consecuencias ( boas ou malas). Para decidir hai que coñecer estas consecuencias, e a pesar de toda a información que existe ás veces non estamos informados. Para que esto non ocurra e cando decidas, decidas o mellor para ti, deixámoste aquí a información, experiencias e opinións de persoas que están ou estiveron enganchadas, dos seus familiares, amigos, médicos, psicólogos…

Enlaces:

-www.cuatro.com/videos/indice.html?palabra-clave=%20drogas.&buscar=ok (reportaxes e videos do programa Callejeros sobre o mundo das drogas:trapicheo, mafias, experiencias de drogodependientes…)
-http://www.drogasycerebro.com/ (videos e animacións que explican os danos no cerebro …)
-http://www.dedrogas.com/ (noticias e comentarios, videos, información…)
-http://www.laantidroga.com/ (dirixido ás familias)
-www.diarioperfil.com.ar/edimp/0299/articulo.php?art=10097&ed=0299 (entrevista a unha investigadora dos efectos neurolóxicos das drogas)
-www.sergas.es/MostrarContidos_N2_T01.aspx?IdPaxina=30042
-www.sergas.es/MostrarContidos_N2_T01.aspx?IdPaxina=61550 (menos fumes, para deixar de fumar)

PORQUE DECIDIR É UN EXERCICIO DE LIBERDADE… DECIDE NON DEPENDER!!





1 comentario:

  1. Esperemos saiades prontiño do carcere, e acab edes os vosos estudos para ter un traballo digno, vivades felices e formedes unha familia.
    FELIZ ANO

    ResponderEliminar